Tuesday 21 de May de 2024

Finaliza en Moeche o campamento de verán Sementeira


 

Rematou o Sementeira, o campamento de conciliación ofrecido polo Concello de Moeche no que este ano participaron 11 nenas e nenos con idades entre os 3 e os 8 anos. Foron menos que outros anos e tamén foi menor a súa duración, debido ás obrigas preventivas da COVID-19. Porén, a súa esencia mantívose como espazo de lecer e aprendizaxe no que se traballaron múltiples aspectos e valores ensartados polo fío do xogo e do apego ao medio rural. Sementeira despediuse onte cunha festa chea de actividades coa que se lle puxo o ramo a un mes de entretemento en distintos lugares, como o pavillón, o castelo ou a área de lecer de Soutogrande.

A rapazada fixo practicamente de todo baixo a coordinación de Espazo Vivo, a empresa encargada de monitorizar o campamento durante o último mes. As actividades estiveron adaptadas a cada un dos lugares que se foron alternando ao longo da semana: os luns e venres -e os días de auga- no polideportivo, os martes e xoves no castelo e os mércores de bo tempo ao pé do río, en Soutogrande, onde incluso puideron tomar un baño despois de que o Concello limpase o cauce.

As mañás estiveron ocupadas polos xogos cooperativos e por propostas diferentes case cada día. Así, as nenas e nenos tiveron obradoiros de drons, de tiro con arco, circuítos de patinaxe para aprenderen educación vial e a andar pola rúa con seguridade, etc.

Tamén fixeron outras cousas, máis vinculadas co ambiente, co coidado da terra e co descubrimento do grande valor do medio rural. Así, o grupo infantil foi á feira a San Ramón ver todas as mercadorías que alí había a vender, petiscaron os típicos churros e achegáronse á nave do gando. Outro dos días aprenderon canta variedade de árbores e plantas hai en Moeche recollendo e identificando follas. Pero unha das actividades que máis lles chamou a atención foi a fabricación de cestos -en colaboración coa AVV Val de Moeche-, moi relacionada cos traballos agrícolas tradicionais que elas e eles tamén puxeron en práctica na pequena horta que plantaron ao pé do pavillón, gardada dos paxaros por un simpático espantallo.

Desde o Goberno local sinalan que o Sementeira deste ano, malia ser atípico polas esixencias preventivas, volveu pechar cun balance satisfactorio. “Cumpriuse o programa que había previsto sen incidencias e a cativería pasouno moi ben xogando e aprendendo”, comenta a concelleira de Igualdade e Infancia, Cristina García Rey. Para a responsable destas áreas, Sementeira tivo este ano outro beneficio engadido “como punto de encontro para volver socializar con seguridade despois de tres meses sen escola e varias semanas de confinamento. Este mes de agosto foi moi positivo para as crianzas desde o punto de vista educativo e do seu desenvolvemento”.

O campamento socioeducativo Sementeira contou cunha subvención de algo máis de 4.000 euros da Secretaría Xeral de Igualdade.